Comezamos o cuarto día cunha actividade no patio da escola para activarnos física e mentalmente. Despois deses cinco minutos iniciais, a verdade é que nos atopamos con máis entusiasmo para continuar coa formación. 😁😃
A mañá transcorreu de xeito rápido, porque fomos empregando diferentes aplicacións para crear actividades para a aula. Despois de coñecer Goosechase onte, hoxe deseñamos unha actividade propia vinculada á nosa materia para desenvolver co noso alumnado.
Despois diso, traballamos con Quizizz, unha aplicación que xa coñeciamos moitos de nós, pero que non sabiamos que incorporaba a IA. Fixemos inicialmente un como "alumnado" mediante a opción de "Resposta con papel" e empregando as imaxes como as que podedes ver na foto.
Despois, deseñamos o noso propio Quizizz axudándonos da IA e puidemos comprobar que os resultados que ofrece son bastante bos!
Rematado isto, exploramos a web de Magic School e todas as súas ferramentas (creación de presentacións, corrección de textos, creación de cancións, creación de preguntas a partir de vídeos de Youtube...). Finalmente, estivemos explorando a aplicación de Google Arts and Culture e "xogamos" a inserirnos cada un de nós nun cadro famoso.