viernes, 27 de marzo de 2026

Último día no instituto.. pero seguimos! 🏔️

O noso último día no instituto de Dolný Kubín foi, sen dúbida, unha xornada moi especial, chea de aprendizaxes, reflexións e momentos para lembrar.

Comezamos a mañá cunha interesante discusión na aula de música sobre o consumismo, na que puidemos compartir opinións sobre os hábitos de consumo actuais e o seu impacto no medio ambiente. Foi un espazo moi enriquecedor no que reflexionamos sobre a importancia de adoptar estilos de vida máis sostibles e responsables.


A continuación, participamos nunha clase de inglés, o que nos permitiu vivir de primeira man o funcionamento das aulas no centro eslovaco. Ademais de practicar o idioma, foi unha oportunidade estupenda para intercambiar experiencias co alumnado local e coñecer mellor a súa realidade educativa. Comparamos o funcionamento de ambos institutos, creamos o noso instituto perfecto e falamos das culturas dos dous países.


Despois fixemos un obradoiro creativo moi especial, no que elaboramos marcos de fotos a partir de materiais reciclados, como foron os CDs. Esta actividade non só puxo a proba a nosa creatividade, senón que tamén reforzou a idea de reutilizar e dar unha segunda vida aos obxectos.










Para pechar a experiencia académica, celebramos a reunión final do proxecto, na que avaliamos todo o vivido ao longo da mobilidade. Foi un momento de reflexión compartida, no que puxemos en valor tanto os coñecementos adquiridos como as amizades creadas. Ademais, recibimos os nosos certificados de participación e uns recordos moi especiais desta experiencia Erasmus.







Xa pola tarde, chegou o momento de relaxarse e desfrutar xuntas cunha divertida sesión de bowling, seguida dunha cea de despedida na que compartimos risas, anécdotas e emocións. Foi a mellor maneira de pechar esta etapa no instituto.











Aínda así, a experiencia non remata aquí: mañá agárdanos unha nova aventura cunha excursión a unha cova, onde seguiremos descubrindo a contorna natural e compartindo momentos únicos. Sen dúbida, este Erasmus aínda nos ten preparadas máis sorpresas.

Levamos connosco moito máis ca aprendizaxes académicas: experiencias, amizades e recordos que nos acompañarán sempre. Grazas, Dolný Kubín!

No hay comentarios:

Publicar un comentario