martes, 24 de marzo de 2026

Así vivimos o noso primeiro día no instituto de Dolný Kubín 🇸🇰




Hoxe foi o noso segundo día da nosa experiencia Erasmus en Dolný Kubín, e non poderiamos estar máis contentas coa acollida no instituto.

A xornada arrancou ás 9:30 cunha actividade de ice-breaker moi divertida para coñecernos mellor. Cada participante tiña que compartir a que lugar lle gustaría viaxar, unha habilidade que lle gustaría ter e unha curiosidade sobre si mesma. Foi unha forma perfecta de romper o xeo e empezar a crear conexións.



Despois, fixéronnos unha presentación sobre a cidade e o instituto, acompañada dun vídeo sobre Eslovaquia. Para rematar esta parte, puxeron a proba os nosos coñecementos cun Kahoot, que resultou tan entretido como interesante.



A continuación, participamos nun workshop de velas no que aprendemos sobre a importancia das abellas, os produtos que nos proporcionan e os seus beneficios para o medio ambiente. Chamounos moito a atención que a explicación correu a cargo dun neno de primaria, cun nivel de inglés excelente. Durante o obradoiro, elaboramos as nosas propias velas con cera e tamén un bálsamo labial.







O segundo workshop foi máis creativo: fixemos un lapiceiro reutilizando unha lata e empregando materiais reciclados, fomentando así a conciencia ambiental.






Ao rematar, tivemos un pequeno descanso que aproveitamos para coñecer mellor o instituto. Descubrimos algunhas curiosidades que nos sorprenderon: para entrar, todo o alumnado e a maioría do profesorado cambian o calzado por zapatillas.. Ademais, o centro conta cunha capela, onde rezan unha vez por semana e que está aberta para quen queira acudir en calquera momento.





Despois chegou a hora de comer no comedor do instituto e, pola tarde, demos un paseo para coñecer a cidade e os arredores, gozando das paisaxes e do ambiente.






Rematamos este primeiro día no instituto moi contentas, motivadas e con moitas ganas de seguir vivindo esta experiencia. Xa estamos desexando ver que nos depara mañá!

No hay comentarios:

Publicar un comentario