miércoles, 25 de marzo de 2026

Ciencia, paisaxes e convivencia

O terceiro día da nosa experiencia Erasmus en Eslovaquia comezou ás 8:30 da mañá, cunha actividade moi dinámica e enriquecedora. O alumnado identificou diferentes especies vexetais utilizando códigos QR e a aplicación PlantNet, combinando así o contacto directo coa natureza co uso das TIC. 

A continuación, recompilaron información sobre as plantas para completar un libro dixital deseñado previamente en Canva, fomentando tanto a investigación como a competencia dixital e o traballo en equipo.







A mañá continuou cunha proposta creativa: o deseño dun ecogarden mediante o programa GardenPlanner. Nesta actividade, puxeron en práctica conceptos de sostibilidade e planificación de espazos verdes, deixando voar a súa imaxinación mentres traballaban en equipo. Para rematar, tivemos a oportunidade de observar estomas de dúas plantas ao microscopio, unha experiencia fascinante.









Tras unha merecida comida no comedor do centro educativo, puxemos rumbo a Orava, onde visitamos o seu impresionante castelo. A subida pagou a pena: as vistas eran espectaculares e estivo chea de información histórica que nos permitiu coñecer mellor a cultura e o pasado da zona. Á volta, demos un agradable paseo pola cidade, desfrutando do seu ambiente.










Para poñer o broche de ouro ao día, reunímonos cos compañeiros do instituto na pista de hóckey sobre xeo. Alí, os estudantes eslovacos déronnos unhas clases básicas e tivemos a oportunidade de patinar todos xuntos, compartindo risas e momentos inesquecibles.






Sen dúbida, outro día fantástico que suma experiencias, aprendizaxes e lembranzas a este Erasmus.


Dovidenia!

No hay comentarios:

Publicar un comentario