Para comezar, asistimos a unha presentación na que descubrimos o valor ecolóxico das covas. Eslovaquia conta con máis de 7.000 covas rexistradas, moitas delas protexidas e algunhas incluídas no Patrimonio da Humanidade da UNESCO, como as covas do Karst eslovaco. Estes espazos naturais non só son impresionantes pola súa beleza, senón que tamén xogan un papel clave como refuxio de especies únicas, especialmente morcegos, e como indicadores da saúde ambiental.
Despois da presentación, pasamos á acción con dous obradoiros creativos. No primeiro, elaboramos maquetas de covas con materiais reciclados, o que nos fixo reflexionar sobre a importancia da reutilización e o coidado do planeta.
Un dos momentos máis enriquecedores foi, sen dúbida, o traballo en grupos internacionais. As nosas alumnas colaboraron cos estudantes eslovacos, compartindo ideas, linguas e perspectivas diferentes. Este tipo de experiencias son o corazón do programa Erasmus: coñecer novas culturas, facer amizades e aprender uns dos outros máis alá das aulas.
Ás 12:00 asistimos a unha clase de inglés onde tamén tivemos a oportunidade de participar activamente. A sesión comezou cunha actividade de presentación guiada polo profesor, que axudou a crear un ambiente próximo e participativo. A continuación, o alumnado traballou en grupos nun quizz no que tiñan que relacionar vocabulario sobre o medio ambiente coas súas definicións, fomentando a colaboración e o uso da lingua inglesa. Despois completaron unha ficha con diferentes exercicios, e para rematar a clase fixeron un repaso final en círculo, no que cada estudante compartiu algo que aprendera durante a sesión. Foi unha dinámica moi interesante e participativa.
Despois do xantar, a xornada continuou cunha actividade máis lúdica: un animado partido de voleibol no ximnasio do instituto, que serviu para seguir fortalecendo lazos entre o alumnado nun ambiente distendido e divertido.
En resumo, foi un día completo no que combinamos aprendizaxe, creatividade e convivencia. Sen dúbida, experiencias como esta fan do Erasmus algo único e inesquecible 💙





















No hay comentarios:
Publicar un comentario