miércoles, 25 de marzo de 2026

Ciencia, paisaxes e convivencia

O terceiro día da nosa experiencia Erasmus en Eslovaquia comezou ás 8:30 da mañá, cunha actividade moi dinámica e enriquecedora. O alumnado identificou diferentes especies vexetais utilizando códigos QR e a aplicación PlantNet, combinando así o contacto directo coa natureza co uso das TIC. 

A continuación, recompilaron información sobre as plantas para completar un libro dixital deseñado previamente en Canva, fomentando tanto a investigación como a competencia dixital e o traballo en equipo.







A mañá continuou cunha proposta creativa: o deseño dun ecogarden mediante o programa GardenPlanner. Nesta actividade, puxeron en práctica conceptos de sostibilidade e planificación de espazos verdes, deixando voar a súa imaxinación mentres traballaban en equipo. Para rematar, tivemos a oportunidade de observar estomas de dúas plantas ao microscopio, unha experiencia fascinante.









Tras unha merecida comida no comedor do centro educativo, puxemos rumbo a Orava, onde visitamos o seu impresionante castelo. A subida pagou a pena: as vistas eran espectaculares e estivo chea de información histórica que nos permitiu coñecer mellor a cultura e o pasado da zona. Á volta, demos un agradable paseo pola cidade, desfrutando do seu ambiente.










Para poñer o broche de ouro ao día, reunímonos cos compañeiros do instituto na pista de hóckey sobre xeo. Alí, os estudantes eslovacos déronnos unhas clases básicas e tivemos a oportunidade de patinar todos xuntos, compartindo risas e momentos inesquecibles.






Sen dúbida, outro día fantástico que suma experiencias, aprendizaxes e lembranzas a este Erasmus.


Dovidenia!

martes, 24 de marzo de 2026

Así vivimos o noso primeiro día no instituto de Dolný Kubín 🇸🇰




Hoxe foi o noso segundo día da nosa experiencia Erasmus en Dolný Kubín, e non poderiamos estar máis contentas coa acollida no instituto.

A xornada arrancou ás 9:30 cunha actividade de ice-breaker moi divertida para coñecernos mellor. Cada participante tiña que compartir a que lugar lle gustaría viaxar, unha habilidade que lle gustaría ter e unha curiosidade sobre si mesma. Foi unha forma perfecta de romper o xeo e empezar a crear conexións.



Despois, fixéronnos unha presentación sobre a cidade e o instituto, acompañada dun vídeo sobre Eslovaquia. Para rematar esta parte, puxeron a proba os nosos coñecementos cun Kahoot, que resultou tan entretido como interesante.



A continuación, participamos nun workshop de velas no que aprendemos sobre a importancia das abellas, os produtos que nos proporcionan e os seus beneficios para o medio ambiente. Chamounos moito a atención que a explicación correu a cargo dun neno de primaria, cun nivel de inglés excelente. Durante o obradoiro, elaboramos as nosas propias velas con cera e tamén un bálsamo labial.







O segundo workshop foi máis creativo: fixemos un lapiceiro reutilizando unha lata e empregando materiais reciclados, fomentando así a conciencia ambiental.






Ao rematar, tivemos un pequeno descanso que aproveitamos para coñecer mellor o instituto. Descubrimos algunhas curiosidades que nos sorprenderon: para entrar, todo o alumnado e a maioría do profesorado cambian o calzado por zapatillas.. Ademais, o centro conta cunha capela, onde rezan unha vez por semana e que está aberta para quen queira acudir en calquera momento.





Despois chegou a hora de comer no comedor do instituto e, pola tarde, demos un paseo para coñecer a cidade e os arredores, gozando das paisaxes e do ambiente.






Rematamos este primeiro día no instituto moi contentas, motivadas e con moitas ganas de seguir vivindo esta experiencia. Xa estamos desexando ver que nos depara mañá!

lunes, 23 de marzo de 2026

De Verín a Dolny Kubín

Comezamos a experiencia Erasmus despedíndonos da familia no IES Xesús Taboada Chivite e emprendo rumbo a Oporto, con moito sono... 

Clara, Carla, Chloe, Iria, Iris e Lecia, seis alumnas de 3º ESO, estaban desexando coller o avión que as levaría a súa aventura en Eslovaquia. 



Chegamos a Cracovia (Polonia) e dirixímonos hacia Dolny Kubín (Eslovaquia) vendo as súas fermosas paisaxes e aldeas. 4 países e 2853 km despois, estaban esperándonos as compañeiras eslovacas na Cirkevná spojená škola Dolny Kubín. 



Tras moitas horas de viaxe pasaron a súa primeira tarde coas súas familias. 

A descansar que mañá toca madrugaaar! :)



viernes, 16 de enero de 2026

Quinto día: obradoiros de cociña e patinaxe

 

Nesta xornada tivemos a oportunidade de participar en obradoiros de cociña nos que a gastronomía se converteu nunha ferramenta de aprendizaxe e intercambio cultural. Traballando en equipo, aprendemos novas receitas, coñecemos ingredientes doutros países e compartimos tradicións culinarias que forman parte da identidade de cada cultura.

Ademais, a xornada completouse cunha actividade deportiva moi divertida: patinamos xuntos, fomentando o exercicio físico, o traballo en equipo e a convivencia nun ambiente distendido e cheo de bo humor.

Foi un día moi completo e enriquecedor, tanto a nivel práctico como persoal, no que combinamos aprendizaxe, actividade física e relacións interculturais. Unha experiencia que lembraremos polo bo ambiente, a colaboración e as ganas de compartir.